X

Descubre os Mellores Plans para a Noite de San Xoán 2024 na Costa da Morte

17/06/2024

Descubre os Mellores Plans para a Noite de San Xoán 2024 na Costa da Morte

A Costa da Morte é un destino máxico todo o ano, pero sexamos sinceros, a noite de San Xoán é a máis máxica de todas! Durante este momento, celebramos que os días son eternos e a noite curta pero especial. É a noite para botar ás meigas fóra e darlle a benvida ao verán. Por iso, se tes pensado estar pola Costa da Morte durante estas datas, deixámosche unha lista cos mellores plans para a noite de San Xoán 2024 na Costa da Morte. Lume!

Mellores Plans para a Noite de San Xoán 2024 na Costa da Morte

Vimianzo

Se hai un concello da Costa da Morte no que o verán é sinónimo de lume, ese é Vimianzo. Para ir quentando motores de cara ao Asalto ao Castelo de 2024, diferentes parroquias da capital de Soneira están argallando festas para San Xoán. Algunhas son as seguintes:

San Xoán en Vilaseco: o venres 21 a partir das 21:30, sardiñada, churrasco, broa e bebida por 10 euros. Unha noite amenizada polo Dúo Élite e Tincinho.

San Xoan de Treos: neste caso, a festa celébrase á semana seguinte, o 28 a partir das 20 horas. Comida, bebida e moita música, con cachela e sardiñas a partir das 22 horas. O último día para apuntarse é o 26 de Xuño. Máis información nas redes da comisión de festas (@festastreos).

Carballo

Outro concello que dedica gran parte do mes de xuño a actividades relacionadas con esta festividade é Carballo. Neste caso, haberá todo tipo de actividades culturais desde o mércores, co pregón de San Xoán e verbena desde o venres. O domingo será o día grande coa gran Cachela de San Xoán, con sardiñada e churrascada popular. Podes consultar máis información aquí: https://carballo.org/media/documentos/despregable_zig-zag_(1).pdf

Fisterra

Na fin do mundo tamén se lle da a benvida ao verán por todo o alto. En Fisterra, está prevista unha sardiñada sen fogata na praia do Sardiñeiro. E é que pode que o San Xoán de Sardiñeiro non teña lume, pero ten moito ritmo e festa. O sábado 22 será o Sardiñeiro Fest desde as 22 horas con moita música.

Na noite do 23 será a gran sardiñada gratuíta na praia do Sardiñeiro a cargo da orquesta Alabama. Un plan que, mires por donde mires, apetece.

Laxe

En Laxe celebran unha fantástica Festa de Benvida ao verán na praza de Ramón Juega. A celebración comezará ás 20 horas cun espectáculo de humor e circo con lume e continuará a partir das 21 horas coa música de Drew Korme para darlle ritmo a esta noite máxica, que culminará cos fogos de artificio e festa da escuma a partir das 23 horas aproximadamente.

Camariñas

Chega a quenda dunha das cachelas máis espectaculares de toda Galicia. Se queres vivir un espectáculo de lume inesquecible, a praia de Area da Vila de Camariñas é a túa opción coa súa tradicional LumArea. A festa comeza xa o sábado cun cartel cheo de djs.

O domingo, desde as 18 horas, comezará a festa coa sardiñada gratuíta con cachelos e broa. A partir das 19 horas comeza a festa rachada con diferentes actuacións de charanga ata as 12 horas, cando será o acendido da maior lumarea e a traca máis potente de Galicia. O fin de festa irá a cargo da Macrodisco Impacto, con Dj Rokiño e Dj Bermúdez.

Corcubión

No concello de Corcubión tamén haberá festa o 23 de xuño para darlle a benvida ao verán no Campo do Rollo. Haberá sardiñas, viño, limonada e espectáculo de títeres. Tamén queimada e lumerada para saltar e espantar ás meigas. A celebración comezará ás 20:30 horas e durará ata final da noite.

Ponteceso

A noite do 23 de xuño tamén será especial en Corme, cunha gran cachela que se acenderá na praia de Arnela. Este acendido será especial, pois será levado a cabo polo C.D. Flechas por un Tubo de tiro con arco.

 

Algunhas recomendacións para unha Noite Inesquecible

Leva Roupa Axeitada

Xa sabes como é o tempo aquí. Pode parecer que fai bo, pero a noite non perdoa, incluso no verán. Asegúrate de levar unha chaqueta para manterte quente mentres disfrutas das celebracións ao aire libre.

Participa nas Tradicións Locais

San Xoán é unha festa repleta de tradicións, así que intenta vivilas intensamente. Anímate a saltar as cachelas, probar as sardiñas e participar nos ritos de purificación para vivir unha experiencia auténtica.

Explora a Gastronomía Galega

As celebracións de San Xoán son a ocasión perfecta para degustar os pratos típicos da época na nosa costa. Non esquezas probar as sardiñas, cachelos, broa… É unha noite para desfrutar tamén co padal.

Cachelas privadas

Tamén é habitual que a xente faga cachelas privadas. A seguridade é moi importante, polo que para celebralas, é necesario solicitar permisos ao concello correspondente, polo que debes poñerte en contacto con eles para rexistrar a túa solicitude.

Non te perdas un plan: únete á comunidade da Costa da Morte!

Como ves, a Costa da Morte é un lugar cheo de maxia e tradicións. Podes intentar buscar os plans pola túa conta, pero se prefires estar ao tanto das mellores actividades e eventos da costa, tamén podes seguirnos nas redes sociais. Aforrarás tempo, estarás ao día e poderás participar en iniciativas como a Foto do Mes. Non se nos ocorre mellor xeito de aproveitar ao máximo o teu tempo na Costa da Morte.

Veña, vai collendo a chaqueta e a axenda e elixe a túa praia para celebrar os mellores plans para a noite de San Xoán 2024 na Costa da Morte. Meigas fóra!

Arquivado en:

Novas