X

A CMAT advirte sobre a necesidade de concienciar sobre os retos da contaminación luminosa na Costa da Morte

A CMAT advirte sobre a necesidade de concienciar sobre os retos da contaminación luminosa na Costa da Morte

A Asociación organiza un evento para concienciar e informar aos alcaldes, empresarios e persoal técnico dos concellos sobre o problema da contaminación luminosa e establecer medidas para reducila

CABANA DE BERGANTIÑOS, 13/06/2024. Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) ven de organizar, coa colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños e o cofinanciamento da Deputación da Coruña e da propia CMAT a través das axudas a entes de xestión turística da provincia, unha xornada informativa para concienciar a alcaldes e alcaldesas, persoal técnico e empresarios da Costa da Morte sobre o problema da contaminación luminosa.

Este evento, celebrado na noite do mércores no emblemático dolmen de Dombate, contou con intervencións de persoas especializadas no eido da física, a iluminación pública e o turismo. Asistiron os alcaldes e alcaldesas dos 17 concellos do xeodestino turístico da Costa da Morte, así como persoal técnico dos mesmos e representantes dos empresarios da Costa da Morte a través da directiva da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM).

A necesidade de concienciar sobre a Contaminación Luminosa

O acto foi aberto polo presidente da CMAT, Manuel Muíño, quen quixo lembrar que este tipo de xornadas “serven para que todas e todos, sector público e privado, nos concienciemos sobre o problema da contaminación luminosa. É importante escoitar ás voces expertas e deixarnos aconsellar polos profesionais que traballan día a día neste sector”.

Trala primeira intervención, foi a quenda do físico Jorge Mira, Catedrático de Física Aplicada da USC, quen fixo fincapé na necesidade de reducir a contaminación luminosa para mellorar a saúde e o benestar xeral: “Esta problemática vai máis aló do eido turístico, ten que ver co benestar da veciñanza. É un problema que é necesario abordar, pois unha noite escura forma parte do ciclo natural do ser humano. Por isto é importante controlala”.

Foron tamén moi ilustrativos os relatorios de Susana Malón, CEO de Lumínica Ambiental e de Miguel Barcelona, Director Nacional de mantemento e eficiencia enerxética de Ingesan. A primeira dedicou a súa quenda aos aspectos máis técnicos da iluminación pública e, o segundo, a asesorar aos asistentes sobre as vantaxes que unha empresa de servizos enerxéticos (ESE) pode ofrecer á hora de modificar o alumeado público para que os concellos poidan ser máis sostenibles e eficientes.

Unha mesa redonda sobre as oportunidades do astroturismo

Despois das intervencións, foi a quenda dunha mesa redonda sobre as oportunidades que o astroturismo ofrece para a Costa da Morte como Destino Starlight na que participaron o propio Jorge Mira; Marta Rodríguez, da Secretaría técnica da CMAT e José Muíño, Alcalde de Cabana de Bergantiños. Os tres coincidiron na boa labor que desde a CMAT se está a facer para mellorar a concienciación sobre as oportunidades do astroturismo para a contorna. Non só para desestacionalizar o turismo, senón tamén como xeito de concienciarnos sobre a importancia de coidar a luz nocturna.

Marta Rodríguez, da Secretaría Técnica da CMAT e xestora SICTED do destino Costa da Morte, fixo fincapé neste sentido en que a Costa da Morte “non é só un destino para gozar do sol e a praia nos meses de xullo e agosto. Queremos que a Costa da Morte sexa máis que isto, e ser Destino Starlight ofrécenos grandes oportunidades, como por exemplo o VII Encontro Internacional Starlight que se celebrará a principios de outubro no noso territorio”.

De feito, no mesmo dolmen de Dombate, xa fora celebrada antes desta xornada a primeira reunión cos monitores Starlight da Costa da Morte para recoller información sobre as actividades astroturísticas postas en marcha ou previstas para este ano 2024. Actividades que serán incluídas nun informe sobre as oportunidades do astroturismo nos destinos turísticos Starlight galegos para a Axencia de Turismo de Galicia.

O astroturismo, un reto e unha oportunidade para os concellos da Costa da Morte

O acto foi clausurado coa intervención do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño, que quixo dedicar uns minutos a advertir aos concellos pequenos da importancia de asesorarse ben para poder mellorar a súa iluminación de xeito eficiente: “Hai xente especialista con moita experiencia neste eido, como os profesionais que hoxe escoitamos, e é importante deixarse asesorar ben. Virá xente que diga que as luces brancas son mellores e máis baratas. Pero sempre temos que intentar facer ben os investimentos pensando no longo prazo. Existen axudas en diferentes niveis da Administración que poden facilitar que teñamos concellos máis eficientes e máis amables co entorno e coa veciñanza”.

Este evento, ao que asistiron representantes do sector público e privado da Costa da Morte, cuxo balance do acto foi moi positivo, supón unha oportunidade para seguir mellorando na concienciación sobre as oportunidades do astroturismo e o seu potencial para o territorio. Ademais, enmárcase dentro dun ano importante para a Costa da Morte como Destino Starlight, xa que será a sede do VII Encontro Internacional Starlight organizado pola Fundación Starlight.


Arquivado en:

Novas